Category: Clásicos

François Rabelais: Cuarto libro

portada

Interpretada a navegación de Pantagruel coma viaxe iniciática, como procura alquimista, como miscelánea topográfica, como itinerario mítico ou como arquitectura alegórica, as diferentes análises do “Cuarto libro” coinciden en sinalar que é unha constante transposición da realidade contemporánea en forma de violenta sátira contra o Papado e en apoio da da política galicana. E coinciden, desde logo, en sinalar que nesta obra a mestría verbal, a fértil fantasía e a mordaz diatriba de Rabelais chegan ao cénit. (Vía Palabras desconxeladas)

Descárgao aquí

Victor Hugo: O reiciño de Galicia

portada

Como Victor Hugo foi reparar na existencia de Galicia, e o que é máis, nunha Galicia como país diferenciado, con reinado propio? Le Petit Roi de Galice é unha “pequena epopea” á que o escritor lle deu moita importancia e forma parte dunha das súas mellores obras: La légende des siècles. Esta edición ofrece en lingua galega esta obra dun clásico da literatura universal, que se ocupa dun momento decisivo da historia da nosa nación.

O interese da presente publicación acrecéntase coa reproducción do texto francés, seguindo o manuscrito da Biblioteca Nacional de Francia, nunha coidada e rigorosa edición de Henrique Harguindey. (vía: Palabras desconxeladas)

Descárgao aquí

Molière: O burgués fidalgo

portada

O burgués fidalgo é unha xoia do teatro cómico. Partindo da farsa, cos seus procedementos sinxelos, caricaturais e esquemáticos, baseados na xestualidade, nos berros, nos paus e nos sorpresivos reviramentos da situación, Molière fai unha peza na que a sutileza da expresión e da palabra —coa ironía e a variedade dos rexistros— xogan un papel fundamental na construción da comedia. (vía: Palabras desconxeladas)

Descárgao aquí

Voltaire: Cándido

portada

Cándido, ou o optimismo é un conto filosófico en ton de sátira publicado por primeira vez en 1759 por Voltaire, filósofo da Ilustración. Narra a historia dun mozo, Cándido, que vive nun paraíso e recibe as ensinanzas sobre o otimismo de Leibniz a través do seu mentor, Pangloss. A obra retrata a abrupta interrupción deste estilo de vida cando Candido sofre desenganos e desilusións ao experimentar dificultades no mundo. Voltaire conclúe a obra cun Cándido que, malia non rexeitar o optimismo, si substitúe o mantra leibniziano de Pangloss, “vivimos no mellor dos mundos posíbeis”, por un precepto enigmático: “debemos cultivar o noso xardín.” (vía: Palabras desconxeladas)

Descárgao aquí